
A xornada comezou cunha visita á exposición de Beléns que estes días se exhibe nunha capela da catedral, unha iniciativa da Asociación coordinada polo exalumno Donoso Valdivieso. Despois na igrexa de Santa María a Maior frei Castor oficiou unha misa que foi cantada pola Schola Cantorum Herbonensis, con Reza Cabano ao órgano e Manolo Rico á batuta.
Despois dun xantar servido no Mesón de Manolo, Carpintero glosou a persoalidade de frei Castor asegurando que "xa sabemos que lle gosta ir de calado pola vida, sen facer ruído e sen que se note que está por ningures", un profesor que "exercía con sinxeleza e humildade, uns valores perfectamente coñecidos para todos os franciscanos".
O presidente dos Encontros de Exalumnos lembrou que frei Castor entrou por primeira vez en Herbón en 1947 sendo un neno. "Chegou para quedarxe", dixo Carpintero, "pois se para todos nós Herbón foi o inicio da nosa vida, para frei Castor Herbón foi media vida, xa que foi alumno, profesor e superior do convento durante tres etapas". Frei Castor fixo o Noviciado en 1952 e sete anos máis tarde dixo a súa primeira misa para, de seguido, ampliar os seus estudios en Salamanca e París.
Dentro da Orde Franciscana exerceu tamén en Zamora, Vigo, Louro, Ponteareas, Ourense,... "Pódese dicir que leva toda a vida de peregrino andante sen parar, aínda que os menos crentes chamaríanlle turismo de cercanías", dixo Carpintero para, de seguido, entregarlle unha placa de recordo. "Para nós foi unha honra e un pracer coñecer a frei Castor, latinista, calado, peregrino ou turista e agora tamén economista pois é quen leva os cartos aquí en Ourense e, de seguro, que el fai máis con moito menos, como fixo sempre durante toda a súa vida, sen dicir nen un pío", rematou.
Pola súa banda, frei Castor agradeceu a presenza dos exalumnos, aos que agasallou con exemplares do libro "San Francisco y Santa Clara de Asís. Escritos", unha coidada edición conmemorativa dos 800 anos do nacemento de San Francisco (1182-1982).
(Ver mais fotos da homenaxe premendo aquí)