A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, reunida o 14 de xaneiro, en Santiago de Compostela, por unanimidade, acordou:
"Conceder o Premio Portapaz 2013 a D. Roberto Freire Hernando, ex- prior do Convento Franciscano de San Antonio de Herbón en Padrón, polo seu compromiso persoal cos valores da paz, da concordia, do entendemento e do diálogo, particularmente, coas distintas entidades sociais que confluíron (e conflúen) no proxecto de Herbón, polo seu apoio constante á iniciativa do Lar da Paz que o Seminario Galego de Educación para a Paz e a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos teñen para aqueles magníficos espazos na beira do Ulla, así como pola súa labor para que fosen declarados Ben de Interese Cultural (BIC).
Por todo o anterior, e porque encarna humildemente na súa persoa os valores franciscanos de Paz e de Ben, esta Xunta Directiva, acorda por unanimidade, concederlle a D. Roberto Freire o Premio Portapaz 2013".
O Premio Portapaz consiste nunha figura escultórica e o certificado que o acredita, desde xa, como Socio de Honra do Seminario Galego de Educación para a Paz.
Será entregado o vindeiro 30 de xaneiro, xoves, Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Gandhi, no transcurso dun acto público conmemorativo que terá lugar no salón de actos da Fundación Caixa Galicia ( Rúa do Vilar, nº 19, Santiago de Compostela), ás 19.00 horas. Con posterioridade haberá unha cea de confraternidade co galardoado. Para participar na cea é preciso comunicalo ao enderezo do Seminario Galego de Educación para a Paz (paz@sgep.org) como prazo máximo ata o luns, día 27. Celebrarase nun restaurante dos arredores da Rúa do Vilar cun custe por persoa de 30 euros.