
"Graciñas". Con esta sinxela palabra comezou monseñor Xosé Rodríguez Carballo o seu discurso tras recibir a distinción de Galego do Ano do Grupo Correo Galego, un acto que se celebrou no Pazo de Congresos de Santiago e ao que concorreron máis de 1.500 persoas, entre elas moitos exalumnos de Herbón. "Para min graciñas é a palabra máis fermosa do vocabulario, porque nos fai recoñecer o que recibimos dos demais".
Monseñor Xosé Carballo, en tono pausado, despois de recibir o premio, dirixiuse en galego aos asistentes á gala: "A todos chegue o meu saúdo franciscano de paz e ben. Sexa a miña primeira palabra: graciñas". Recordou á súa familia, o agarimo dos seus, dos máis cercanos e aludiu unha e outra vez a San Francisco.
O nomeamento fíxoo sentir incómodo. "Por que a min sendo que moitos teñen máis mérito?". Recordou aos políticos honestos, ás familias, aos veciños de Angrois, testemuña de grande solidariedade na traxedia, aos galegos emigrantes que levan con dignidade e orgullo o nome de Galicia, pensando voltar. Todos merecentes da distinción. Por iso, con alegría, comparteuna con todos eles.
Séntese galego. Moitos anos en Roma, Xerusalén... fóra, e iso aumentou o seu amor por Galicia. O Papa Francisco dicíalle hai pouco: "José, se nota que eres gallego". Si, Xosé Carballo séntese humildemente ou franciscanamente orgulloso de ser galego. E séntese tamén compostelán malia non ter nacido en Compostela senón en Lodoselo (Ourense).
"Celebramos 800 anos da peregrinación de San Francisco a Compostela, e iso compromete", dixo. Dende a súa condición de galego pediu a todos os asistentes ao acto que "coidemos uns dos outros. Que coidemos as nosas raíces culturais. Paz e ben".