
Renzi referiuse polo miúdo ás fontes bibliográficas sobre Mauricio Burdino. Foi un relixioso francés, de nome Maurice Burdin, seguramente nado en Limousin (Francia) e que ocupou, entre outros cargos, os arcebispados portugueses de Coimbra e Braga, este último desde 1109 a 1114. Burdino protagonizou durante o seu mandato na sede bracarense a máis soada disputa relacionada coas reliquias do apóstolo Santiago o Maior.
Tres anos despois do roubo no ano 1102 –“pío latrocinio”, denominouse desde Santiago– polo prelado compostelán Diego Xelmírez dunha serie de reliquias na cidade de Braga, Mauricio Burdino peregrina a Terra Santa. En Xerusalén faise co que asegura que era o cranio do apóstolo Santiago o Maior, que rouba nunha igrexa. Ao regresar da longa peregrinación, en 1109, Burdino é nomeado arcebispo de Braga. Nese momento, pretende pór en dúbida a autenticidade da reliquia compostelá –el ten a súa cabeza, afirma– e, con ela, o prestixio do santuario de Santiago.
Tras unha serie de vicisitudes, a Igrexa de Santiago, con Diego Xelmírez á fronte, acaba impondo o seu poder e a suposta cabeza apostólica termina en Compostela, previa intercesión da reina dona Urraca de Castela, en 1116. Algún tempo despois Mauricio chegará a ser antipapa (1118-1121) co nome de Gregorio VIII e a obter para Braga, en compensación pola perda da cabeza de Santiago o Maior, que con este nome recíbese en Santiago, a reliquia do santo e mártir persa Santiago o Interciso. O anti papa morre encarcerado en Salerno (Italia) en 1137.
Co paso do tempo, as autoridades eclesiásticas compostelás reflexionarían sobre as vantaxes ou inconvintes de aceptar como pertencente a Santiago o Maior a reliquia traída de Xerusalén por Burdino -significaba pór en dúbida a integridade do seu corpo en Compostela- e acabaron atribuíndoa a Santiago o Menor ou Santiago Alfeo, tal e como hoxe séguese coñecendo, conservada nun fermoso relicario na catedral compostelá.
Este seminario estivo organizado en colaboración coa Rede de Estudos Medievais e o Departamento de Historia da Universidade de Santiago (USC). Unha oportunidade non só de coñecer un pouco máis sobre a historia europea dos séculos XI e XII senón tamén de visitar de primeira man os valiosos fondos bibliográficos que atesoura a Biblioteca Provincial Franciscana, situada no Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, e integrada por máis de 100.000 volumes, entre eles 72 incunables.