
Na presentación o autor deste libro, que recolle medio cento de cantigas para nenos, estivo acompañado por directivos da empresa Gadis, que distribuirá 20.000 exemplares na súa cadea de supermercados ademáis de dous millóns de bolsas lembrando a figura de Filgueira. Tamén estivo presente o fillo do homenaxeado este ano, Xosé Fernando, quen considerou atinada esta forma de celebrar "a festa da lingua".
Segundo explicou Manolo Rico, "neste traballo só pretendemos unha aproximación a unha parte moi importante do cancioneiro infantil galego, concretamente ós arrolos e cantos de berce, que son rimas e cantos que se foron creando e recreando dende o grao máis elemental do ritmo, do son e da sutileza literaria ata acadar unha maior complexidade".
O libro estrutúrase en tres partes: o corpus literario dos cantos de berce, o corpus musical e as composicións lírico musicais de autor.. No primeiro caso o libro recolle medio cento de cantigas de neno, caracterizadas pola "sutileza literaria, encerrada nunha forma breve e portadora dunha enorme afectividade, amais dunha moi alta capacidade de suxestión".
No corpus musical recóllenser cantos no que a composición lírica se executa con estruturas rírmicas en melodía,, pero tamén cantos nos que a letra vai acompañada de modelos melódicos sinxelos e, por último, tamén os cantos con "melodías patrimoniais". A finalidade é sempre a mesma: "adormentar a criatura polo que neles a execución rítmica é prioritaria".
Os arrolos, seguindo os parámetros dos cantos de berce tradicionais, tiveron diferentes cultivadores ó longo da historia da música de Galicia: Marcial del Adalid, Juan Montes, Manuel Feijoo, Rogelio Groba e moitos outros. Tamén moitos exemplos na historia da literatura, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Fanny Garrido, Luís Pimental ou Manuel Leiras Pulpeiro.
Hoxe en día esta tradición aparece anovada con tonalidades e formulacións actuais nos textos de Xoán Babarro, Ana María Fernández, María Lado, Carme López Taboada, María Reimóndez e o mesmo Manolo Rico.