
Péchase unha etapa e ábrese outra. Así se puxo de manifesto hoxe na presentación do último número (205-207) da revista “Liceo Franciscano”, dedicado por enteiro a homenaxear a figura do frade e arquiveiro frei Hipólito Barriguín Fernández (Viñayo-León, 1947 – Santiago de Compostela, 2016), acto ao que asistiron unha trintena de persoas. Son 202 páxinas escritas polas súas amizades persoais e por expertos universitarios, fundamentalmente historiadores, cos que se relacionou nos seus últimos anos.
Frei Hipólito foi “vida, alegría e testemuño”, segundo o director da revista, frei Xoán Manuel Buxán, mentres que a coordenadora deste monográfico, a doutora Milena Cortés, debullou polo miúdo os contidos. O ministro provincial, frei Xosé A. Castiñeira, asegurou que frei Hipólito atópase agora “no arquivo e na biblioteca do ceo”, despois de destacar o seu “carisma e valores franciscanos” e a súa proximidade amigable cos exalumnos do seminario franciscano de Herbón.
Pola miña banda, debo dárlle-las grazas ao director da revista frei Xoán Manuel Buxán, e á coordenadora deste número monográfico, a doutora Milena Cortés, por invitarme a participar co artigo “Frei Hipólito Barriguín, a xeración do cambio” (páxinas 37-55) na homenaxe á figura do noso amigo frade e arquiveiro.
O meu plantexamento á hora de abordar a figura de frei Hipólito Barriguín parte do concepto de cambio social, tamén chamado transformación social ou cambio sociocultural. (O cambio social é a totalidade dos cambios ou modificacións na estructura dunha sociedade habidos nun espacio de tempo).
Na súa vida, e na de moitos de nós, frei Hipólito experimentou o cambio da dictadura política á democracia formal, o cambio dunha sociedade do antigo réxime ou medieval a unha sociedade post industrial e da postverdade, da era de Gutenberg e o libro físico ao libro electrónico, da escritura á man a Internet, do latín ás linguas vernáculas ou nativas, do Concilio de Trento ao Vaticano II,...
Toda esta voráxine de cambios amoreados prodúxose no último medio século, como se a sociedade estivera vivindo unha etapa de aceleración, de cambio continuo, que continúa agora mesmo.
Frei Hipólito sempre se refuxiou nos valores primixenios do humanismo franciscano: fraternidade, dignidade, respeto, amor, servizo, humildade, paz, liberdade, sinxeleza, ecoloxía,... Son os mesmos valores liberadores da Revolución Francesa e constitúen tamén o miolo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Valores nos que frei Hipólito sempre encontrou algo de luz nestes tempos de escuridade e de desconcerto teórico e social. Son ideas-forza que sempre defendeu na súa vida, na súa palabra e na súa tronzada práctica historiográfica.
Polo tanto, tan vixentes onte coma hoxe pois fincan as súas radices na mellor tradición dos valores humanistas, uns valores cando menos tan válidos coma o capitalismo salvaxe neoliberal que nos goberna hoxe en contra nosa, pois convírtenos en escravos, en contribuíntes netos.
Uns valores, os de frei Hipólito, que deberíamos proclamar e defender se queremos sobrevivir como persoas con dereitos, e non como números, mercancía ou simples consumidores e sufridores da historia. Ao meu entender, ese foi o seu mellor legado, o que nos deixou a todos nós.