
En Avilés, Honrubia ten a súa familia –é o máis cativo de sete imáns- pero desde hai anos reside en Galicia. Alí era o responsable do centro social Xoán XXIII, situado a poucos metros da catedral de Santiago de Compostela, e onde acoden persoas sen recursos económicos na procura dunha axuda. Para frei Honrubia este traballo foi do máis gratificante. Tamén é o avogado da orde franciscana en Galicia.
«Sempre estiven moi vencellado á orde. Fixen a primeira comunión na igrexa franciscana e os meus pais eran terciarios franciscanos. Hai 25 anos celebrei a profesión de votos, en xaneiro de 1985 ingresei en Ponteareas (Pontevedra) no noviciado e ordeneime sacerdote no ano 1991», explica frei Honrubia.
«Destes vintecinco anos gardo una chea de bós recordos, aínda que hai algún moi especiais. Cando me invistiron co hábito foi moi emocionante porque nese momento cambia a vida», lembra frei Honrubia, que se de algo está realmente orgulloso é do albergue Xoán XXIII. «Traballamos con indixentes, temos servizo de comedor e lavandería e ofrecemos cursiños para que estas persoas poidan saír da probeza», di.
Frei Honrubia comeza en Herbón unha nova etapa carrexado de proxectos e ilusións. «Coñezo perfectamente a historia deste convento, o seu papel fundamental como centro de formación e a alta estima que lle teñen os veciños, de maneira que imos a darlle vida de novo sete séculos despois da súa fundación», conclúe este frade ao que todos describen como «un simpático asturiano». E realmente éo. Frei Honrubia irradia paz, ben e tranquilidade e gasta sorrisa serea aínda nestes tempos de cambio acelerado e crise xeralizada económica pero tamén mesmo de valores humanos.