
Neste Día da Provincia conmemorouse os 50 anos de sacerdocio dos frades Manuel Pombo Suárez e Víctor Peña Rodríguez, os 50 anos de profesión dos frades Xosé Manuel Casal Méndez, Eladio González Tubío, Manuel Varela Sánchez, Alfredo Vega Rodríguez, Xesús García Sánchez e Secundino Rodríguez Reboiras, ademais dos 25 anos de profesión dos frades Xosé Carías Villegas, Manuel García Lorenzo e Xosé Manuel Bernárdez Rodríguez. Todos eles renovaron os seus votos de compromiso franciscano no decurso da celebración da misa, que presidiu o frade provincial con frei Alfredo Vega ao órgano.
O historiador e documentalista frei Hipólito Barriguín, quen está ultimando a recopilación documental e fotográfica de todos os conventos franciscanos en Galicia, referiuse na súa conferencia ás numerosas "tradicións" sobre os inicios da Orde Franciscana en Galicia para centrarse no convento de Santiago e nos de A Miserela e Santo Antonio, ámbolos dous situados na Pobra do Caramiñal, nunha época na que os franciscanos se popularizaron en Galicia ao chamárenlle a xente "os frades da probe vida" (ver texto enteiro da conferencia).
A directora xeral de Turismo, Nava Castro, referiuse á conmemoración dos oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que conta co apoio financeiro da Xunta de Galicia por medio de congresos, exposicións e publicacións, entre elas a recente edición das "Floriñas" en galego.
Ao Día da Provincia asistiron tamén numerosos laicos achegados ao franciscanismo, entre eles unha representación da Asociación Amigos de San Francisco de Asís e exalumnos do Seminario Franciscano de Herbón.
(Fotos de Henrique Roberto Lista)
Texto enteiro da conferencia de frei Hipólito Barriguín:

franciscanos_y_galicia.pdf |