
A escolma recollida en Cancioneiro popular de Galicia, Eu non canto por cantar foi feita coa intención de recuperar unha parte deste cancioneiro para que valla de axuda á memoria ós que xa saben as cantigas ou de encontro con este signo da nosa identidade cultural para os que lles resulten novas.
As partituras deste cancioneiro foron transcritas por Manuel Rico a partir dos cancioneiros citados na bibliografía, da audición directa dos intérpretes ou de documentos sonoros.
Para facilitar a lectura e execución das partituras no momento de ser cantadas únese o grupo rítmico e métrico. A velocidade indicada na parte superior esquerda en cada canción tamén corresponde ó pulso básico aproximado.
O material preséntase clasificado nestes capítulos: os cantos arcaicos de ritmo libre: os alalás; os cantos de labor; os cantos de pandeiro; a muiñeira nova, a xota; a foliada; cantigas que fan referencia a cantar, bailar, comer e beber; e cantigas sobre o amor e as súas circunstancias.
Entre as cancións, no apartado de foliadas, encóntrase Se vas ó convento de Herbón. Que é unha foliada? A foliada é unha festa que pode ter diferentes contextos e lugares. A xente das aldeas reuníanse certos días para cantar, tocar e bailar. Por extensión, calquera das melodías cantadas nesta festa tamén era unha foliada.
Estas festas tamén se denominaban segundo a zona xeográfica o serán, a ruada, o fiadeiro, a tasca, etc. Non eran festas fixas no calendario. En Boimorto, na Brea, unha muller tiña autoridade para convocar ós veciños tocando unha melodía cun corno que hoxe está exposto no museo etnográfico de Melide.
Aínda que o aire preferido deste grupo de foliadas sexa a xota non se deben identificar con este xénero. Hai recolleitas foliadas que non son xotas. Este grupo de foliadas teñen todas elas un carácter coreográfico, cántanse nestes tempos de troula, incorpórase unha segunda voz con frecuencia e mesmo se acompañan coa gaita e outros instrumentos na súa interpretación festiva.
Nesta escolma preséntase un grupo de cancións identificadas nos diferentes cancioneiros como foliadas e que acadaron unha gran difusión en toda Galicia.
Ficha técnica
Edita esta primeira edición de Cancioneiro popular de Galicia, Eu non canto por cantar Supermercados Gadis (Gadisa) como agasallo con motivo do Día das Letras Galegas 2014, ano no que é homenaxeado o poeta Xosé María Díaz Castro,160 páxinas.
Autores: @ Manuel Rico Verea e Antón Santamarina Fernández
Coordinación da edición: Cibrán Rico López
Deseño e maquetación: Desescribir
As melodías deste cancioneiro pódense escoitar na súa integridade na dirección web www.museodopobo.es/cancioneiro