No acto interviron o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP), Manuel Dios, o cantautor Emilio Rúa, alumnos do instituto Xelmírez II que recitaron poemas galegos, o poeta David Fernández Rivera, a secretaria do SGEP Carme Durán, o cantautor Xosé Constenla e o frade franciscano homenaxeado, Roberto Freire.
Freire tivo palabras de gratitude para todos os que participaron no Proxecto Herbón, agora en perigo de esmorecemento pola fuxida dos franciscanos dende agosto do ano pasado. Nomeou a persoas e entidades, como Sementar, Amipa, Viravolta, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Instituto de Estudios Irienses ou o Seminario Galego de Educación para a Paz, tan diversas, tan distintas pero complementarias, compartindo espazos e proxectos. Tamén aos exalumnos do Seminario Franciscano.
O último gardián do convento de Herbón apostou por "pórmonos a traballar xa" co fin de declarar este recinto "obra-testemuño" da efeméride 2014 "que estamos a celebrar con motivo dos 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago".
De igual maneira que os exalumnos, reivindica a volta dos frades ao convento porque, segundo dixo, "Herbón non pode saír adiante sen un nexo de unión e mediación ata que as asociacións estean funcionando con regularidade nos espazos que lles corresponden".
Freire aposta pola disolución da Fundación Convento de Herbón e a inversión dos seus fondos no sistema de iluminación da igrexa conventual. Tamén urxiu unha toma de decisións sobre o fondo-biblioteca establecido no antigo colexio e constituido por máis de 30.000 volumes.
Entre outros aspectos, aconsella a restauración das cubertas do convento, así como "a construcción do albergue xuvenil proposto polo equipo de pastoral xuvenil e vocacional da Provinvia Franciscana", do mesmo xeito que restaurar o retábulo maior da igrexa conventual, comprometido pola Xunta con motivo do 2014.
Ao seu entender, a Provincia Franciscana de Santiago "pode facer unha achega ao proxecto de menores tutelados Lar de Herbón con cargo ao fondo do pan dos probes", da mesma maneira que contratar a un discapacitado síquico para o proxecto de agricultura ecolóxica.
Unha vez acadada a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), "administracións públicas, propietarios lexítimos e habitantes deste espazo han de por todos os medios para enchelo de vida".