Arredor de 250 exalumnos e as súas compañeiras concorreron ao XIII Encontro Anual de Exalumnos de Herbón celebrado o sábado en Santiago e que comezou cunha camiñata de catro quilómetros dende o Monte do Gozo ata a igrexa de San Francisco, onde o presidente do XIII Encontro, o arcebispo franciscano monseñor Xosé R. Carballo, presidiu o acto de bendición dun tríptico adicado a San Francisco da pintora madrileña Raquel Clemente Rubio, dona do exalumno Xosé Luis Rivas Guisado. Na catedral monseñor Carballo proclamou que "relixiosos e laicos seguimos a considerármonos franciscanos xa que necesitámonos uns aos outros", xusto antes de que botara a andar o botafumeiro.
A ofrenda ao Apóstolo fíxoa o presidente da Asociación Amigos de San Francisco de Asís, Ricardo Seguín, quen lembrou As Floriñas nas que se relata que "nos comezos da Orde, cando aínda eran poucos os irmáns e aínda non había conventos, San Francisco foi por devoción a Santiago de Galicia... estando de noite en oración na igrexa de Santiago foille revelado por Deus a San Francisco que fundara moitos conventos naquelas terras".
De seguido o presidente da comisión organizadora dos Encontros, Xoán Manuel Carpintero, impúxolle a frei Henrique Roberto Lista o Premio Esclavina de Prata 2014 despois de relatar a súa longa traxectoria de frade, ben coñecido en Galicia por dirixir o programa da Televisión de Galicia Polo camiño da fe.
Aos sons da Real Banda de Gaitas de Ourense, os asistentes a este acto relixioso encamiñáronse á carpa situada na horta do convento de San Francisco, onde se celebrou o xantar de irmandade e se entregaron 36 novos diplomas de Cabaleiros Franciscanos a outros tantos exalumnos e frades. Tamén se presentou o libro El Tiempo de la Memoria, que relata os recordos e vivencias do exalumno J. Ramón Rey García da súa estadía de cinco anos no seminario franciscano de Herbón (1955-1960), "a primeira vez que un exalumno escribe como era o colexio e as súas relacións con compañeiros, profesores, mestres e frades", segundo Suso García, epiloguista do libro.
A este XIII Encontro Anual de Exalumnos asistiron tamén a directora xeral de Turismo, Nava Castro, o director da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, o profesor e historiador da Arte, Xosé Manuel García Iglesias, o Provincial dos franciscanos de Galicia, frei Xosé Manuel Castiñeira, o primeiro Premio Esclavina de Prata 2013, Roxelio González Escaleira, e o recoñecido pintor e exalumno Antón Lamazares, que mantén aberta a súa mostra conmemorativa On the road no Pazo de Xelmírez, visitada nun mes por máis de 10.000 persoas.
(Ver fotos do XIII Encontro Anual)