O lingüista e cantautor Manolo Rico Verea, exalumno de Herbón (promoción de 1961), é o autor do libro "Heiche de cantar un conto" (120 páxinas) co que a cadea de supermercados Gadis celebrará este ano o Día das Letras Galegas: distribuíndo de balde 20.000 exemplares do libro ademais de 20.000 marcapáxinas co poema "A fala", de Manuel María, o agasallado nesta ocasión. Con esta nova edición, Manolo Rico remata a colección iniciada hai dous anos con "Eu non canto por cantar" (2014) e "Cantos de berce tradicionais" (2015).
Con esta nova edición, presentada hoxe en Santiago, os nenos e as nenas pasan de seren os receptores de cantos de berce a seren axentes activos que xogan e interpretan rimas, cancións, fórmulas máxicas, contos mínimos, recitativos, diálogos e outras prosodias deste suxestivo apartado do cancioneiro infantil de tradición oral.
O autor leva anos afondando no estudo, conservación e difusión do tesouro literario musical de Galicia, posibilitanto, ao mesmo tempo, que nenos, pais e docentes dispoñan dunha escolma deste material de tradición oral. Este corpus tradicional do cancioneiro infantil ofrece a posibilidade de diferentes clasificacións. Unha destas posibilidades permitiu agrupar baixo “cantos de berce” aquelas composicións destinadas a arrola-los nenos e as nenas.
Agora complétase este material coa publicación de xogos iniciáticos, rimas e cancións que parten do grao máis elemental, as utilizadas na súa etapa infantil, ata lograr unha maior complexidade, as utilizadas xa na educación primaria. En "Heiche de cantar un conto", prescíndese, xa que logo, dos cantos de berce e preséntanse as composicións lírico-musicais nas que a criatura, que comeza participando nos xogos iniciáticos, se transforma en intérprete activo de forma progresiva.
A obra aparece estruturada en seis capítulos. Nos dous primeiros inclúense cantos e prosodias infantís que se deben utilizar durante a etapa da adquisición progresiva da linguaxe. No terceiro preséntanse cantos de oficios e labores que se complementan con melodías narrativas asociadas ao cancioneiro, que se amplían no capítulo quinto con narracións do Nadal, e no sexto con parrafeos e preguntas. No apartado cuarto aparecen muiñeiras novas e no quinto as cancións relacionadas cos ciclos festivos de Nadal, Entroido, os Maios e San Xoán.
Segundo Manolo Rico, "neste espazo lúdico de transmisión oral aprendíanse formas de ser, de estar e de vivir nun mundo cultural propio; desenvolvíanse as capacidades psicomotrices de cada neno ou nena<; adquiríanse as ferramentas básicas para seren donos da palabra e transformaban este acto de transmisión lúdico-afectivs nun forte vínculo de unión entre a infancia dos pais e a dos fillos".
A cadea de supermercados Gadis regalará un exemplar deste libro en todos os seus establecementos de Galicia o vindeiro luns, 16 de maio, por calquera importe de compra e ata fin de existencias. Así, o marcapáxinas engadido co poema "A fala", escrito en 1979, é un texto de gran representatividade na obra de Manuel María, que encaixa á perfección cun dos fins do 17 de maio: poñer en valor o idioma galego. Ademais, Gadis distribuirá nestes días máis de dous millóns de bolsas da compra cunha pequena explicación sobre a orixe da celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Manuel María.
Nos últimos 14 anos a cadea galega de supermercados editou 270.000 libros en galego, aproveitando en todos os casos a conmemoración do 17 de maio porque, segundo o poema de Manuel María, "o idioma é o tempo, é a voz dos avós, e ese breve ronsel que deixaremos nós".