Era un home universal, un cu inquedo que percorreu os cinco continentes e que pescudou en todos os saberes. "Era a nosa enciclopedia andante e é difícil imaxinalo sen un libro na man, de ciencia, física cuántica, historia, política, filosofía, teoloxía, poesía ou mitoloxía", lembra a súa filla Abril.
O historiador frei Xosé García Oro, quen oficiou o sábado a misa funeral na súa parroquia boqueixanesa de Lamas, recoñeceu a súa "extraordinaria intelixencia e enorme corazón, que sempre puña ao servizo dos demais", xunto cos vencellos continuos que mativo coa súa familia, moi en especial coa súa tía Isaura.
O muradán herbonés (e poeta a tempo completo) Manoel María Pena Silva define a súa traxectoria deste xeito: "Foi a súa vida a dun peripatético cargado de preguntas. Eu gardo para el, na memoria profunda, un aprezo, esa aperta que non lle puiden dar no pasado recente. Meu benquerido amigo..."
"As nosas opinións máis personais, as nosas crenzas, as nosas simpatías políticas foron sempre máis fío de unión ca de desencontros ou friccións personais. Aí tiña moita autoridade e man esquerda Suso Rozas. Avalábano as súas opinións fundamentadas nunha profunda, ampla, veraz e correcta información", admite o irmandiño do Paradiso Suso García Fernández. O seu compañeiro castelán Suso Sanz Tena fai un debuxo moi preciso de Rozas: "A súa intelixencia era un instrumento ético: saber máis para comprender máis e mellor aos demais".
Agora tan só quedan os recordos, esa outra dimensión da existencia, malia dor do compañeiro e amigo que se foi antes de tempo. "Vivirás en nós mentres haxa recordos e grazas por haber existido", di García Fernández. "Vivir no corazón dos que deixamos atrás non é morrer", sostén Sanz Tena.
O seu compañeiro de Irmandande, Suso Peteiro, non reprimeu un berro doente polo "mellor amigo que un poidera desexar e soñar" e recorreu á escolanía de melros do rianxeiro herbonés Faustino Rei Romero para desexarlle os mellores desexos na súa nova traxectoria: “Señor, acolle a súa alma cal se colle un paxaro que treme aterecido. Atótaa contra a doce mornura do teu peito e, sobre a túa destra, deixa que faga o niño”.
O seu testamento político/convivencial
Hoxe soan a testamento político/convivencial estas palabras da súa última carta a varios amigos:
“Hai que ter coidado con eses xuízos totalmente negativos sobre o sistema de partidos. A fin de contas, o sistema de partidos é a democracia. Suprimir os partidos é suprimir a democracia. Só unha dictadura podería seguir, se a democracia parlamentaria cae”.
(…)
“Con democracia, alomenos, somos conscentes do que está ocorrendo. Por duras que sexan as condicións nas que vivimos, hai que dar sempre un apoio decidido ao sistema democrático. Prensa libre e máxima liberdade de expresión son a mellor catarse contra a corrupción e os abusos”.
(…)
Suso Rodríguez Rozas, 8 de decembro 2012 (dende Londres a varios compañeiros de curso)