
Na presentación interviron tamén Xosé Antonio Castiñeira, ministro provincial dos Franciscanos en Galicia, o tradutor Darío Xohán Cabana e máis o coeditor, Henrique Alvarellos.
Co gallo desta conmemoración edítase por primeira vez en lingua galega o célebre texto do século XIV sobre a vida do Santo de Asís. A tradición da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago parte das fontes franciscanas denominadas Actus Beati Francisci et Sociorum Eius, unha recompilación de finais do século XIII da vida e actos de San Francisco e os seus discípulos que se sintetiza nesta obra maxistralmente traducida do italiano medieval por Darío Xohán Cabana, un dos grandes expertos mundiais en literatura medieval italiana, e magnificamente ilustrada por Darío Basso. A tradución é pura dende o idioma orixinal.
A directora de Turismo explicou na súa intervención que, foi na Catedral de Santiago, segundo se recolle no capítulo IV desta obra, onde lle foi revelado ao Santo de Asís a súa misión de espallar a súa Orde polo mundo. ‘As Floriñas’ ten sido traducida a varios idiomas e conta con máis de 50 capítulos, cuxas letras capitulares foron feitas unha a unha e deseñadas polo ilustrador Darío Basso, que realizou outras 17 acuarelas para a edición. Segundo comentou Nava Castro, “trátase dun libro estético, unha pequena xoia bibliográfica que conservar como lembranza desta conmemoración e das ensinanzas do santo de Asís”. E engadiu que “a través dos actos conmemorativos deste VIII Centenario achegámonos á figura de San Francisco de Asís e á súa vinculación co culto xacobeo a través de diversas perspectivas”.
Segundo lembrou a directora de Turismo, foi precisamente Asís, a terra de San Francisco acolleu o primeiro dos eventos da conmemoración, a mostra Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago, que se puido visitar o pasado verán e que neste verán 2014 chegará nunha versión ampliada ao compostelán Pazo de Fonseca.
Outros proxectos expositivos relevantes desta conmemoración foron San Francisco e o Belén, que se puido ver en Compostela este Nadal e que foi visitada por máis de 28 mil persoas. Nava Castro tamén comentou que neste momento, Compostela acolle dúas mostras enmarcadas nos actos relacionados coa efeméride. Unha delas é Auga Doce, unha exposición con diferentes expresións artísticas que pode visitarse na Cidade da Cultura ata setembro. E a outra, Il Cammino di Francesc, unha mostra fotográfica de Steve McCurry que percorre os lugares e espazos sagrados da vida de San Francisco a través dos ollos deste prestixioso fotógrafo da Axencia Magnum.
Ademais, avanzou que Turismo de Galicia traballa na mostra On The Road, o gran proxecto expositivo do centenario; unha mostra de arte moderna que se desenvolverá no Pazo de Xelmírez e mais na igrexa e no cemiterio de Bonaval.
Proxectos expositivos itinerantes complementan a dinamización cultural do centenario, xunto coas programacións musicais e teatrais, como o programa Cultura no Camiño, que dende abril a setembro dinamiza con espectáculos as vilas xacobeas; ou as actuacións da Nova Galega de Danza, o festival de Música Sacra ou ciclos de cinema de temática franciscana.
A programación do centenario conta tamén con grandes citas congresuai. Así, o primeiro Congreso de Peregrinacións e Turismo organizado en colaboración coa Organización Mundial del Turismo e a Secretaria de Estado de Turismo; o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que reunirá por primeira vez en Galicia aos representantes das Asociacións de Amigos do Camiño que existen por todo o mundo.
Ademais, Galicia acollerá este verán a Primeira Travesía Náutica Xacobea, que percorrerá máis de 1.500 millas náuticas e recalará en 14 portos de Italia, Francia, España e Portugal antes de chegar a Galicia, na súa Ruta Mediterránea e partirá de Inglaterra, Irlanda e Francia para confluír nas Rías Baixas coas embarcacións da Ruta Mediterránea.
Os Fioretti datan do século XIV
Un texto de finais do século XIV, os Fioretti ou Floriñas de san Francisco foron traducidas ao galego dende o italiano medieval por Darío Xohán Cabana e ilustradas, para esta coidada edición, por Darío Basso.
Os Fioretti ou Floriñas de san Francisco foron compostas por un autor anónimo toscano entre 1370 e 1390. Narran a vida e miragres do santo fundador da orde franciscana. Dividida en 53 capítulos, esta obra relata precisamente no seu capítulo cuarto a viaxe de san Francisco a Santiago de Compostela e a súa decisión de fundar aquí o primeiro convento e o inicio da Orde franciscana. Deste feito conmemórase en Galicia en 2014 o oitavo centenario.
Traducida ao longo dos tempos a varios idiomas, agora, e por vez primeira, esta obra pode ser lida en galego, nunha esmerada coedición de Alvarellos Editora e a Xunta de Galicia. Darío Xohán Cabana é o responsable da tradución do texto, realizada directamente desde o italiano medieval. O volume enriquécese con dezasete impactantes acuarelas de Darío Basso.
Darío Xohán Cabana (Roás, Terra Chá, Lugo, 1952) é poeta, narrador e tradutor. Da súa man chegaron traducidas ao galego, entre outras, a Divina Comedia de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Vida nova de Dante, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo ou Os trobadores da Occitania.
Darío Basso (Caracas, 1966) é un artista de orixe viguesa con obra exposta en medio mundo. Defínese como pintor matérico. Nos seus lenzos, a natureza deixa unha fonda pegada.
Edita: Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 2014 (141 páxinas).
Prezo: 28 euros.