-Pódense facer moitas valoracións de Herbón _recoñece frei Henrique_. Cheguei ao colexio moi pequeno, cunha formación de base deficiente e, por riba, non coñecía a ninguén. Isto contrastaba con moitos dos meus compañeiros, que xa sabían latín, por exemplo, e eu non tiña nin idea; de maneira que tiven dificultades para aprobar, seguramente por falta de acompañamento. Iso marcoume xa que fun sinalado publicamente pois quitábanme da clase e púñanme de pé, o que me angustiou moito, e tiven que repetir curso...
-Habería algo positivo...
-A parte positiva foron os compañeiros cos que convivín tantos anos, algo esencial na miña vida, a miña familia fraternal. Cando repetín curso estiven a piques de abandonar e non o fixen porque recibín o apoio incondicional do mestre Pai Tembra. Deixar o colexio para mín supuña deixar unha boa parte de mín mesmo e, por iso, continuei coa miña vocación, polo afecto de formadores, mestes e compañeiros, entre eles frei Cid, frei Benxamín, o pai Leonardo, que para min era un santo,... A testemuña daquelas persoas e a súa cercanía axudáronme moito nesa época de cambios e apertura, xunto cos meus compañeiros Xosé Antonio Díaz Rei, que era da Coruña, Xosé Luis Castro Vila, Seguín, Redondo, Lázaro, Pregue, Severo, Manolo Rico, Penín, Láiz e moitos outros... un sentemento real de amizade e fraternidade, que hoxe mesmo sigo a cultivar porque esa é a miña maior riqueza. Hai moito dos meus compañeiros no que hoxe son e no que vivo como frade, unha mesma comunidade, aínda que algúns sigamos no convento e outros fóra.
-¿Alguén fundamental, algunha época especialmente gratificante na súa traxectoria persoal?
-Houbo unha época moi boa alentada polo Pai Tembra, que valoraba a cada un por sí mesmo, na súa identidade e non coma un número. Era a época posterior ao Concilio Vaticano II. E despois tiven a oportunidade de integrarme nun labor social co Pai Peteiro, que para mín foi moi importante xa que el loitou moito porque desenvolvéramos a atención á xente necesitada, e aínda agora sinto mágoa de non poder levar adiante proxectos sociais que me parecen factibles e moi oportunos dadas as circunstancias en que se encontran agora as nosas casas, unha maneira de facer realidade o Evanxeo...
-¿Refírese ao caso de Herbón, por exemplo?
-Os máis interesados en que Herbón siga en pé somos nós, os frades. Había e hai posibilidades de xestionar e encontrar alternativas que poden ser acaídas. Cada un ten as súas ideas pero no meu caso, en xeral, nunca tiven medios para levalas adiante e as que fixen, como por exemplo en Xoán XXIII, amosei que as cousas se podían facer ben. A soidade é un gran problema da sociedade de hoxe en día e é moi factible levar adiante un proxecto de familia aberta en calquera dos nosos conventos. Tan só falta a vontade, a aposta por darlle unha utilidade ás nosas casas.
-O feito é que os frades van cada vez máis a menos...
-Considero que non somos culpables xa que nas comunidades houbo e hai moita xenerosidade, entrega, persoas que traballaron sempre en vangarda... A situación actual vén dada pola situación social, imos cara a outra sociedade e cara a outros conventos. O que vai vir non vai ser pior que o que foi senón só doutra maneira. Por exemplo, a misa do Papa óena millóns de persoas, cousa que antes non era así. Os cambios tecnolóxicos agroman unha forma nova de vivir, tamén a vida relixiosa e familiar. A familia sigue a ser a mellor escola fundamental, o mellor colexio, o mellor lugar onde se pode facer a carreira máis importante porque é onde a persoa se pode desenvolver integralmente e cultivar os seus valores. E xa falando dos frades, vexo que pasamos tempo dabondo en almacenar, en conservar, en rehabilitar... e tamén é bo o desprendimento destes museos que son os conventos.