O arcebispo de Santiago, monseñor Xulián Barrio, ordenou diácono a frei Xaquín Pulleiro Oro, franciscano de 66 anos, nunha cerimonia litúrxica celebrada o venres 11 pola tarde na igrexa de San Francisco de Compostela.
A misa de ordenación, á que asistiron máis de duascentas persoas -entre elas os seus sete irmáns, familiares e moitos exalumnos de Herbón-, celebrouse ás 18 horas e rematou cun viño galego no patio de cristal. Frei Xaquín recoñeceu que foi "o medo" á súa eiva de tatexo o que retrasou a súa ordenación, "que sempre vin moi lonxe, un soño que agora se fai realidade", e alentou a todos "a abrir sempre novas portas" e a vivir dun xeito decidido "dunha maneira aberta e acolledora".
Frei Xaquín Pulleiro está integrado na comunidade franciscana de Santiago e é natural da comarca de Lalín. Tras pasar algúns anos no seminario franciscano de Herbón, na actualidade reside no convento de Compostela, onde desempeña o cargo de ecónomo-administrador da Provincia Franciscana de Galicia.
Frei Xaquín Pulleiro pertence, ademais, á xunta directiva da Asociación Española de Tatexos, pois foi hai anos o creador do grupo galego da Fundación Española de Tatexos, onde está a desenvolver un importante labor de concienciación e axuda, especialmente aos máis pequenos "xa que cun bo tratamento pode neutralizarse o tatexo". Segundo estimacións moderadas, en España hai 800.000 tatexos, dos que arredor de 42.000 encóntranse en Galicia. "A chave para superar este problema é recoñecelo e asumilo", confesa frei Xaquín, "xa que é o primeiro paso para superar este problema da fala".