Un ano no que, como recordou o cardenal Amigo, os franciscanos queren "facer memoria" non só da peregrinación material de San Francisco, senón tamén da súa significación trascendente. Por iso, durante este ano entregarase a Cotolaia, unha especie de Compostela franciscana, a todos os peregrinos que cheguen a Santiago seguindo os pasos de San Francisco, é dicir, cunha devoción franciscana, e que visiten o convento.
Monseñor Amigo invitou aos asistentes "a mirar sen nostalxia o pasado e sen medo o futuro", para perseverar nas ensinanzas e o exemplo de San Francisco. Tamén tivo un recordo para todos os irmáns que, ao longo destes oito séculos, formaron parte da Provincia Franciscana, e o destacadísimo labor que fixeron e seguen a desenvolver na actualidade en apoio aos máis necesitados. Recordou que "esta casa tivo siempre as portas abertas", tanto para axudar dende o punto de vista material como espiritual.
Son varias as actividades previstas para este centenario pola familia franciscana, entre elas, na última semana de marzo, tres días de "portas abertas", nos que se poderá visitar con guía o convento de Santiago e as súas dependencias, con explicacións do traballo que realizan hoxe os franciscanos. Aproveitarase o aniversario das Cortes que o emperador Carlos V realizou na Sá Capitular do convento, hoxe coñecida como Salón Carlos V.
No mes de maio celebrarase unha eucaristía solemne en memoria dos García Pan, benfeitores compostelás que, despois da exclaustración, mercaron o convento para restituílo posteriormente aos frades, no aniversario do traslado dos seus restos ao sartego que os acolle na igrexa conventual.
(Reportaxe gráfico do acto de apertura dos 800 Anos)