
Música clásica e pementos de Herbón. Esa é a oferta cultural do mes de xullo na parroquia de Herbón, en Padrón, grazas ao I Festival de Musica de Herbón ‘As notas do Pemento’. Unha cita que reunirá no fermoso convento de Herbón as mellores promesas da música clásica de Galicia nunha serie de cinco concertos que combinarán recitais líricos, cuartetos de vento, música barroca ou un dúo de piano e gaita.
O venres, día 5 de xullo, tivo lugar o primeiro concerto a cargo do grupo Ensemble Giogia con Belén Freire (frauta), Natalia Insua (clarinete), José Manuel Quintián (trompeta), Marta Freire (saxo alto), María Santos (saxo tenor) e Ana Moas (cello).
‘As notas do pemento‘ está organizado polas asociacións Sementar, ONde Hai Música e a Fundación Galicia Sustentable e conta coa colaboración da S.A.T. A Pementeira, da Asociación Galega de Amigos do Camiño (AGACS) e da Axencia de Comunicación Xurimaru. O seu obxectivo é resaltar as potencialidades do pemento de Herbón a través da música. E para iso, nada mellor que o lugar onde naceu e se mimou durante tantos anos; o convento franciscano de Herbón, fundado en 1396. A horta, o claustro e a fonte serán algúns dos escenarios que acollerán estes concertos, que terán lugar os venres de cada mes a partir das 20.30 horas máis o domingo 28 ás 12:00.
Precisamente, Eliseu Mera, o director do festival, destacou este feito durante a presentación do evento. “Queremos homenaxear un produto tan sinalado da nosa terra como é o pemento de Herbón e facelo no lugar no que medrou por primeira vez, o Convento Franciscano”, precisou Mera.
Herbens Consort, Recital lírico e Quodlibet tamén levarán a súa música ao convento de Herbón este mesmo mes de xullo.