Os antigos alumnos do colexio de Santo Antonio de Herbón que residen en Madrid e arredores, Valladolid e León xuntáronse o sábado nun restaurante da Praza de Lavapés, xuntanza que organizan desde hai seis anos na primeira quincena de decembro. O libro “El tiempo de la Memoria”, que lembra os tempos do seminario do exalumno J. Ramón Rey e que epiloga Xesús García, foi unha das estrelas desta reunión, xunto con Ari, unha nena filla de senegaleses, e Campoamor, o gorrión albino agora en liberdade.
Pola súa banda, os galegos e leoneses do Bierzo xuntáronse en Herbón, onde foron acollidos agarimosamente por frei Honrubia, o novo gardián do convento, que recupera a normalidade despois de máis dun ano pechado xa que agora contará cunha comunidade estable de media ducia de frades.
A misa foi oficiada polo exalumno frei Henrique Lista, quen desexou a todos paz e ben de Nadal e panxoliñas. Frei Henrique estivo acompañado pola Schola Cantorum Herbonensis, con Xosé Luis Reza como director e organista.
De seguido servíronse uns viños e aperitivos no refectorio dos exalumnos, un agasallo do empresario padronés Andrés Quintá, director de Extrugasa, quen tivo a deferencia de acompañar aos exalumnos no xantar, que se servíu no antigo refectorio dos frades. A esta xuntanza, que rematou con cantos –entre eles o “Asturias, patria querida” en honra do gardián-, acodiron tamén Ricardo Lafuente Castroagudín (curso 1988) e Xosé Manuel Vigo Villaverde (1986), as novas xeracións de exalumnos, xunto con Nano Alcalá, antigo alumno e profesor neste colexio e hoxe crego en Augasantas (Rois) e profesor no Colexio Peleteiro, de Santiago.
Tamén se celebrou a asemblea xeral da Asociación Amigos de San Francisco de Asís, na que o seu presidente, Ricardo Seguín, díu conta das actividades desenvolvidas co gallo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, moi singularmente o Encontro de Corais, grazas á colaboración dos directores exalumnos Anxo Viro e Domingo Barreiro, e as exposicións itinerantes “Beléns de Asís a Compostela”, que percorreron Sarria, Portomarín, Ourense e Santiago, grazas ao comisariado e coordinación do exalumno Donoso Valdivieso. O tesoureiro, Xoán Carpintero, constatou un saldo positivo nas contas da Asociación de máis de 800 euros.
A reunión rematou cun convite de cava e os bós desexos de Nadal e Aninovo entre todos os asistentes.
(Prema aquí para ver máis fotos no Nadal en Madrid e Herbón)