
Como comezou a idea de ir a un colexio de frades?
Son de Nocedo de Ribeira (Xinzo de Limia) e nacín no 1948, tres despois do ano da fame na comarca da Limia. O meu mestre estivera en Herbón dous anos, recomendoullo ós meus pais e alá me levaron a Ourense a facer o exame de ingreso co Pai Feijoo. Non tiña moita idea de matemáticas e tiven que copiar o resultado dunha división de decimales, algo que nunca tal vira na miña aldea. O asunto é que, ó pouco, me chegou a carta para que fose a Herbón.
Un cambio moi importante…
E tanto que importante. Lémbrome dun libro portugués, A mañá sumersa, que conta unha historia semellante. Por primeira vez viaxei en tren a Padrón cunha maleta de raias, fumos a Herbón a pé e, ó pasar pola portería, entrei noutro mundo e con nenos descoñecidos. Ao comezo foi difícil, pero de seguido coñecín a Xosé Luis Reza e, como sempre fun sociable, integreime sen maiores problemas. Había uns mestres excepcionais, entre os que estaban Sucasas, Pedro de Paz, Sanmartín, frei Benxamín e, por suposto, Tembra, o noso referente durante varios anos. Era moi amigo de Xosé Luís Vázquez de Agolada, xa falecido, de Lista, González… e tiñamos como profesores a Feliciano, Humberto, Feijoo… Fun feliz e ensináronme a ser honesto, ético, solidario,… a filosofía franciscana.
Despois veu Santiago e Ponteareas, non?
Si, o Noviciado co Pai Furelos, ese ano de proba na que tomas o hábito e a coroa e fas contacto cunha comunidade de frades tan ampla, con numerosos coristas e tamén compañeiros que se van… e dóeche. Despois de Herbón, a miña etapa en Ponteareas foi un paraíso, xa que tivemos uns profesores extraordinarios: Tembra, Baltar, Gaspar, Buenaventura, Viro e Outumuro, que era o superior, o de inglés… que non recordo agora o seu nome… Había teatro, campamentos, viaxes,… Abrímonos ó mundo. Pero esa equipa de profesores non o había en Santiago en terceiro de Filosofía e entrei nunha etapa crítica, de maneira que plantexei marcharme diante de disparidades de opinión con outros frades, profesores e superiores. De maneira que aproveitei a visita a un veciño da aldea que estaba no Sanatorio da Rosaleda para marcharme á miña casa deixando enriba da cama do convento a maleta coas miñas cousas. Xa non volvín.
Así de súpeto, unha fuxida?
Si, así foi e arrepíntome porque, polo menos, debía dar a cara pero o feito é que pasei varios anos de alonxamento. Convalidei os estudios, fixen oposicións a Policía, pero entrei en Correos, casei, entrei nunha empresa automobilística para darlle o pan ós fillos e, despois, de casualidade entrei no xornalismo deportivo en radio (COPE), prensa (La Región) e televisión (Telemiño). Ata que me xubilei, pois agora só colaboro ás veces.
Cando retomou a conexión cos franciscanos?
Sempre estiven vencellado con antigos compañeiros, como Lista, Rico ou Barriguín, de maneira que a comezos dos noventa iniciamos un movemento de xuntármonos en Herbón, todos compañeiros dos anos sesenta. Mesmo lle chegamos a facer una pequeña homenaxe a Tembra, reeditamos a revista Brisas del Ulla e naceu a Asociación. Ese primeiro movemento ampliouno despois Molinero e convertiuno no que é agora.
Que supón Herbón?
Coma os amores primeiros, son moi malos de esquecer. Herbón marcounos a todos, alí están as nosas radices bebendo do Ulla e, por iso, foi dramático cando pecharon o convento, un golpe tremendo, da mesma maneira que unha grande alegría cando abriron de novo as portas con Honrubia ao fronte, un home inquedo que sabe facer moito con pouco. Agora habería que facer actividades sociais, convertilo nun convento vivo.