
A Asociación Sociocultural Amigos de San Francisco de Asís (ASAFA), conformada na actualidade por 120 exalumnos socios, formará parte do patronato da Fundación Convento de Herbón trala invitación expresa formulada polo gardián do convento, frei Francisco Xabier Honrubia Bonnin, no decurso dunha reunión con exalumnos celebrada o domingo. Honrubia avanzou que a Provincia Franciscana de Santiago decidiu darlle un pulo á Fundación co fin de afrontala “difusión e fomento dos valores espirituais, relixiosos, culturais, artísticos e históricos vencellados ao convento de Herbón, incluíndo a súa conservación e rehabilitación”.
O gardián de Herbón avanzou que este proceso de revitalización da Fundación estará listo a partires do verán coa actualización dos estatutos e dos patronos e que nestes momentos estanse a acondicionar un salón de actos e unha zona para actividades pastorais. Tamén o antigo salón de xogos dos exalumnos reconvertirase nun museo dos sete séculos do convento.
Pola súa banda, os exalumnos fixéronlle entrega dunha proposta de colaboración baseada na posta en marcha dunha páxina web destinada a divulgar a historia, realidade actual, eventos e actividades do convento; e tamén a creación dun museo estable que serva para explicar os sete séculos de historia, entre os que se encontran os 100 anos dos exalumnos, pois constituiría, ademáis, unha excelente introducción a unha visita guiada ao complexo conventual, recoñecido pola Xunta no 2013 como Ben de Interese Cultural (BIC).
A Asociación, que celebrará a súa vindeira asemblea ordinaria o día 13 de xuño, data coincidente coa festa-romaría de Santo Antonio de Herbón, deberá refrendar (ou non) a súa participación na Fundación en calidade de novo patrono, segundo avanzou o presidente de ASAFA, o exalumno Ricardo Seguín.
(Adxúntase o dossier entregado polos exalumnos)

herbón_propuestas.pdf |