
O evento, ao que asistiron máis dun cento de persoas, tamén contou como relatores con Xoán Manuel Buján García, que trazou o perfil biográfico e profundou na extensa bibliografía do estudioso nado na parroquia de Goiás (Lalín, Pontevedra), onde aínda os máis vellos do lugar lembran a súa afección pola lectura e o estudo, que o levarían a obter en Roma e en Santiago tres carreiras universitarias cos seus respectivos doutoramentos. Enrique Mourille Feijoo foi o encargado de abordar o maxisterio do Profesor Oro durante a súa intervención no acto, en especial durante a súa etapa de catedrático de Paleografía e Diplomática da Universidade compostelá, onde formou por centos de futuros historiadores, convertendo en accesible unha materia áspera en principio para o seu numeroso alumnado. Tamén citou as testemuñas de catro destacados exalumnos herboneses: Xesús García, Sanz Tena, Suso Peteiro e Antonio Viñas.
Foi Hipólito Barriguín Fernández o que se encargou de tratar a figura como relixioso franciscano dun Xosé García Oro que desde a súa xubilación reside no convento onde tivo lugar a homenaxe, onde atende o seu espectacular arquivo, ademais de oficiar misa diaria sempre que as súas obrigas llo permíten, aínda que nos últimos meses encóntrase na fraternidade de Noia, onde se recupera dunha pequena doenza.
Por último, Verónica Arán deu conta dos froitos da investigación de García Oro, un traballo desenvolvido desde fai máis de medio século ao amparo da Universidade compostelá e da Orde Franciscana. Arán fixo especial mención ao seu labor investigador na historia da Galicia do Renacemento, un ámbito onde o seu traballo foi internacionalmente recoñecido.
García Oro, quen agradeceu a homenaxe, recibíu de agasallo 17 volumes que recollen a súa producción dos últimos anos de xubilado e tamén unha imaxe de San Francisco de Asís deseñada por Lladró con motivo dos 800 anos da peregrinación do santo a Santiago de Compostela.