Entre 1756 e 1759 frei Antonio de Herosa, que fora gardián e cronista do convento franciscano de Herbón, procurou no arquivo do colexio-seminario os documentos e anotacións que, xunto co que escoitou e experimentou naqueles anos, lle serviron para tecer o seu “Memorial de las cosas notables de este colegio de Herbón” (Editorial El Eco Franciscano, Santiago 2012). Máis de 250 anos despois, e grazas á transcrición e notas coas que José Luis Soto Pérez preparou esta edición, pódese acceder agora á mellor herdanza que puido deixar.
Dende a fundación do convento franciscano de Herbón, en 1396, e ata mediados do XVIII, Herosa deixou constancia neste Memorial dos capítulos máis importantes da historia da casa. Fíxoo, a modo de manual, para “los reverendos guardianes de el, a fin de estar prevenidos para todos los lances que se le ofrezcan, y se tocan en este memorial, así cuanto a lo antiguo, como cuanto a lo moderno”.
E describe moi polo miúdo a etapa na que o convento se convertiu en colexio de "propaganda fide", formador de predicadores saídos todos da bisbarra da comarca do Sar, como destacou na presentación da obra o historiador frei Hipólito Barriguín, mentres que tamén o historiador e catedrático emérito da USC, frei Xosé García Oro, se referiu aos "frades de probe vida" como un dos valores básicos "de antes e de agora".
Mais, aínda que non fose a intención de Herosa, nas súas notas deixou tamén escrita parte da historia das terras de Iria. Centos de datos de interese económico-social, a descrición de Herbón naquela época, a relación dos relixiosos cos seus veciños, mesmo tamén algúns litixios… Grazas ao inxente traballo de documentación de Herosa, e ao posterior de José Luis Soto, queda así rescatado un anaco importante da memoria colectiva das terras de Iria.
Maite Mosquera Noia, directiva da asociación Sementar -encargada de darlle novos pulos ao convento de Herbón- reinvindicou o pemento, "que é o que nos dá de comer" e a volta da Festa do Pemento ás súas orixes "cando en 1978 se fixo a primeira Festa á sombra da carballeira dos franciscanos". De feito, na crónica de Herosa xa se fala do "pemento seco e moído", das cheas do río Ulla, das pesqueiras e das lampreas.
O historiador Xosé Carlos Beiró Piñeiro, autor de varios libros sobre os carmelitas e os dominicos de Padrón, recordou a época de Herosa, na que a capital do Sar estaba amurallada e vivíase do sal, teares e curtidos, aínda que recoñeceu que "o pan de Padrón era moi malo" e había que mercar o de Caldas.
O presidente do Padroado Rosalía Castro, Anxo Angueira Viturro, defendeu que Herosa e Sarmiento conforman a "vangarda da Ilustración en Galicia", recordou a obra de Otero Pedrayo sobre a palmeira de Herbón -"inmerecidamente esquecida"- e tamén a súa experiencia persoal do convento de Herbón e dos franciscanos.
Ao acto de presentación do "Memorial", guiado por Pilar García García, asistiron máis dun cento de persoas -entre elas
veciños de Herbón, frades e antigos alumnos do seminario franciscano-, estivo acompañada cun recital poético de Christine García López e rematou con música do barítono Eliseu Mera e o pianista Severino Ortiz.