FICHA TÉCNICA
Idea e dirección: Manolo Busto. Texto: sobre o relato de Luís Fernández Silvoso "Epílogo. Brais". Imaxes:
obras artísticas de Lino Silva, Romero Masiá, X.M. Tomé, artistas da galería Borrón-4, familia e amigos. Son de fondo: fragmento de "Cadros para unha exposición" de Mussorgsky. Edición: Imaxinarte. Difusión libre con notificación a: imaxinarte@gmail.com
0 Comentarios
![]() Luis Fernández Silvoso e a portada do seu libro-homenaxe, "Debe/Haber" O venres 22 de febreiro tivo lugar no Auditorio da Xuventude de Cambados a presentación do libro-homenaxe ao galerista cambadés Luís Silvoso, baixo o título Luis Fernández Silvoso: Debe/Haber, un exalumno de Herbón (curso de 1965) morto antes de tempo (57 anos). Luis Fernández Silvoso foi o décimo dos once fillos que tiveron Enrique Fernández Álvarez, un sarxento de carabineiros da Garda Civil chegado a Cambados nos anos trinta do século pasado, e Pepita Silvoso Prego, que pertencía a unha familia de toda a vida da localidade arousán. Nacido o 29 de marzo de 1954, Luis Fernández Silvoso recibiría, como moitos outros nenos nados naquel tempo no seo de familias de clase media, unha esmerada educación relixiosa. Tanto que ingresou internado no colexio franciscano de Castroverde de Campos (Zamora), de onde pasou ao convento de Herbón (Padrón), no que coincidiría co futuro pintor Antón Lamazares. Luis Silvoso fíxose novicio e incluso aspiraba a unha vida de frade franciscano. Tamén estudiou un ano Filosofía en Santiago de Compostela. Mais, de súpeto, todo cambiou... Unha vez adoptada a súa decisión de rachar cos seus proxectos relixiosos viaxou por Europa, visitando países como Holanda ou Francia, e recalou en Madrid, onde estudiou Maxisterio mentres se gañaba a vida co que lle iba saíndo. Ata xusto un verán que volveu a Cambados para asistir ao casorio dunha curmá e decidiu quedarse. Abre entón co seu irmán un pub na Ribeira de Fefiñáns, que se chamaba Jalú (acrónimo de Javier e Luis, nomes dos dous socios), e nel organiza xa a súa primeira exposición, na que un Francisco Leiro moi xove, que comezaba a dar os seus primeiros pasos artísticos, expuña unhas pequenas esculturas. Tempo despois coñece a Tareixa Escariz, unha profesora de Palas de Rei (Lugo), á que acompañaría nos seus seguintes destinos profesionais en Baiona e Carril antes de voltar definitivamente a Cambados, e coa que tivo tres fillos. Xa de novo na súa vila natal, Fernández Silvoso regresa á hostalería e abre outro local mítico, O Patín. Unha vez máis organiza exposicións de arte -el mismo tamén pintaba- e crea cuns amigos un grupo autodenominado Extravagantes do Salnés. Pero a afección pola arte que Luis Silvoso levaba dentro dende facía tantos anos xerminaría definitivamente en 1998 coa inauguración de Borrón-4, unha galería que puxo en marcha nun baixo da súa familia. A primeira exposición foi a dun xenio da arte galega como Laxeiro, e á inauguración acodiron dende Leiro a Manolo Paz pasando por aquel vello compañeiro do convento de Herbón que nos noventa xa era un xigante da pintura, Antón Lamazares. Borrón-4 foi un fito para ducias de artistas, que encontraron o voceiro que necesitaban para darse a coñecer. E por alí pasaron Uxío, Lino Silva, Xaquín Chaves, Xurxo Alonso, Francisco Pazos, Xosé Manuel Castro, Saúl Otero, Manolo Busto,... Grazas ao escaparate que lles brindou Silvoso na súa galería e en feiras de arte, algúns deles fixéronse un nome propio e gañaron admiradores. Luis Fernández Silvoso ergueuse, así, nunha figura singular da historia recente de Cambados pois a súa galería de arte era a máis importante e dinámica de toda a bisbarra e foi un magnífico escaparate para ducias de pintores e escultores. A súa prematura morte deixou orfos e tristes a miles de arousáns -non só vencellados ao mundo da arte- e supuxo o peche dun interesante e fructífero proxecto cultural. Mais algúns dos seus amigos seguen téndoo moi presente. É o caso da historiadora e profesora Maribel Iglesias e da súa parella, o pintor e tamén profesor Manolo Busto, que son os coautores do libro-homenaxe a Luis Silvoso. O volume, dunhas 40 páxinas, inclúe medio cento de fotografías e é un repaso á vida e á actividade profesional do galerista. "Foi Manolo quen tivo a idea de facer un pequeno libro para lembrar a figura de Luis Silvoso e empezamos a traballar xa o verán pasado", conta Maribel Iglesias. Falaron coa súa viúva, Tareixa Escariz, quen lles proporcionou datos dabondo ao tempo que decidía facerse responsable da edición. A morte antes de tempo sorprendeuno a comezos de outubro de 2011. Para Maribel Iglesias, que estudiou a súa biografía durante os últimos meses, Silvoso "tivo unha valía profesional enorme por manter aberta unha galería de arte durante trece anos nun pobo pequeno e cunha oferta artística de calidade, mesmo arriscada e de vangarda". A historiadora tamén ten eloxios para a súa persoa: "Era alguén moi leal cos seus amigos e cos artistas, moi honesto. Unha boa persoa, da caste dos bós e xenerosos de Galicia". |
![]() Autor
Blog colectivo de novas de actualidade da páxina web dos exalumnos do Seminario Franciscano de Herbón (exherbon@gmail.com) O Libro do AnoEl libro de José Luis Rivas Guisado, recupera la memoria histórica del seminario franciscano en una época clave, 1947-1951, los años del hambre. Un volumen, de cerca de medio millar de páginas, relata no solo la peripecia personal de Rivas sino también en buena medida la colectiva al incluir numerosos testimonios de exalumnos.
(Exherbon.org, 2016) Es la historia sentimental de Herbón a través de los recuerdos. Cómo era, qué se hacía y quiénes estaban en el seminario franciscano entre 1955 y 1960. Un colegio en el que desde 1950 estudiaron más de 1.500 alumnos y hubo cerca de un centenar de profesores.
(Exherbon.org, 2014). Exalumnos
|