
Deixou unha fonda pegada nos centros de estudo de Santiago, Ponteareas, Madrid e Roma. Alí onde estivo. Fai un mes aprendía a manexar mellor carpetas e arquivos de texto no seu ordenador persoal, onde tiña unha chea de artigos feitos ou a medio facer. Chamábase frei Gaspar Calvo Moralejo, licenciado en Filosofía e doutorado en Teoloxía (Zamora, 1930 - Herbón, 2016), quen dende hoxe acouga no cemiterio dos franciscanos de Santiago.
Gaspar Manuel Calvo Moralejo nace na cidade de Zamora o 28 de xaneiro de 1930, fillo de Florencio Calvo e María do Tránsito Moralejo, sendo bautizado na parroquia de San Lázaro da mesma cidade o 14 de febreiro de 1930.
Estuda Latín e Humanidades no Seminario de Zamora e no de Comillas en Santander, para facer despois o noviciado na Provincia Franciscana de Santiago. Cinco anos despois, o 18 de maio de 1951, pronuncia os seus votos solemnes na igrexa conventual de San Francisco de Santiago de mans de frei José Campelo. Despois dos pertinentes anos de estudo, é ordenado sacerdote en 1953. Na Universidade Pontificia de Salamanca obtén o grao de licenciado en Filosofía e Letras, magna cum laude, o 7 de marzo de 1956. Finalizados os seus estudos asume tarefas formativas en Filosofía no Convento de Santiago: mestre de postulantes e mestre de irmáns leigos de votos temporais. Exerce tamén o ministerio da predicación e en 1959 é nomeado procurador provincial da Unión Misional Franciscana.
En 1962, con apenas 32 anos, é nomeado gardián e reitor do convento de Santiago, constituíndose así nun dos gardiáns máis novos que tivo na súa historia o Colexio de Misioneiros. Desenvolve tamén a súa vida franciscana en distintas casas, como Ponteareas, onde foi profesor de Filosofía e mestre dos irmáns non sacerdotes; ou en Lugo onde exerce como gardián.
Pero en 1969 envíano a Madrid como superior e reitor do Convento e Basílica de San Francisco o Grande. Na capital de España desenvolve o seu ministerio durante distintos anos, e alí é recoñecido o seu traballo con distincións e responsabilidades, como a Cruz de Afonso X o Sabio, ou o nomeamento como delegado de España Misioneira para as funcións "políticas" da institución; tamén recibe a encomenda de Isabel a Católica, o título de comendador e o nomeamento de Cabaleiro da Orde do Santo Sepulcro.
Durante este período comeza o seu traballo nun dos ámbitos de estudo aos que dedicou máis tempo e esforzo: a marioloxía, participando no VII Congreso Mariolóxico Internacional e XIV Congreso Mariano, que se celebraron en Roma no Pontificio Ateneo Antoniano, do 12 ao 21 de maio de 1975. En 1976, ademais, é nomeado membro de número da Sociedade Mariolóxica Española e, no mesmo ano, é elixido secretario da mesma. Tamén atopa tempo para continuar a súa formación académica e de 1976 a 1978 fai o bienio de Teoloxía, sección de Vida Relixiosa, no Instituto de Vida Relixiosa de Madrid, onde obtén o grao de Licenciado.
En 1978 regresa a Galicia como gardián do convento de Ourense. Alí continúa distinguíndose como recoñecido conferenciante e intervén en distintos foros internacionais de marioloxía. Ademais, en 1980 é nomeado polo bispo de Ourense como delegado episcopal para a asistencia pastoral das relixiosas e para a pastoral de enfermos da devandita diócese. Contemporáneamente exerce como procurador provincial da Unión Misional Franciscana, e procurador e promotor local da UMF de Ourense.
En 1982 obtén o grao de doutor en Sagra Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca. Pouco despois, no ano 1983, é nomeado gardián do convento de Pontevedra. En 1986 exerce como delegado episcopal para Vida Consagrada da Arquidiócese de Santiago. Desde 1989 ata 1996 foi director de revista "Verdad y Vida".
O 15 de agosto de 1996, a Secretaría de Estado do Vaticano comunícalle que o Santo Pai noméao presidente da Pontificia Academia Mariana Internacional para un quinquenio. Concluído este período, continúa o seu servizo á Orde Franciscana en Roma en calidade de reitor da igrexa de San Pietro in Montorio.
Algúns anos despois, motivos de saúde aconsellan o seu regreso á Provincia, concretamente á fraternidade de Salamanca. Desde alí trasládase á enfermeiría provincial de Noia e a comezos do ano 2015 á recentemente inaugurada Casa de Irmáns Maiores de Herbón, onde na mañá do 25 de xaneiro, de modo imprevisto, visitouno a irmá morte aos 86 anos de idade.
Centos de artigos e unha ducia de libros
Frei Gaspar Calvo Moralejo deixa moito escrito. Centos de artigos, publicados sobre todo na revista que dirixiu durante sete anos, "Verdad y Vida", pero tamén en "Archivo Ibero-Americano" ou en "Antonianum" e diversas revistas mariolóxicas. Tamén queda constancia das súas aportacións en varias obras colectivas e, nomeadamente, alomenos nunha ducia de libros, nos que amosa a súa forma de vida partindo da filosofía e a teoloxía como plantexamentos básicos. Estas son algunhas das súas obras máis coñecidas:
- -La estigmatizada de Cantalapiedra: espiritualidad de la pasión en la M. María Amparo del Sagrado Corazón de Jesus, OSC. Avila, Tau, 1996.
- -Al esplendor de su luz: Clara de Asís, maestra de contemplativos. Ávila, Tau, 1994.
- -La santidad, una amable manera - Espiritualidad de la M. María Amparo del Sagrado Corazón de Jesús. Ávila, Asociación Educativa "Signum Gracis", 1990.
- -Teología de la vida religiosa en la restauración de la orden franciscana en España (1836-1856). Madrid, Cisneros, 1984.
- -La Virgen del Pilar en Nazareth. Madrid, SM., 1978 (Villena Art. Gráf.)
- -La esclavitud mariana y su origen concepcionista. Burgos, Concepcionistas Franciscanas, 1976
- -Las Clarisas en España y Portugal. Editorial Cisneros, Madrid 1994
- -La restauración de la Orden Franciscana en España. Editorial Aldecoa, Madrid 1980
- -María "maestra y evangelizadora" según fray Felipe Díez OFM. CSIC, Madrid.
- -Un ourensán en México. Xunta de Galicia, Santiago.
- -Un cordobés en Damasco. Ed. autor.
- -Emigrante... hay camino. España Misionera, Madrid.