̶ Herbón quédalle xa moi lonxe? Hai medio século polo medio...
̶ As miñas orixes de formación humanística están en Herbón, aínda que eu comecei nos franciscanos en Castroverde de Campos, só un ano. ¿Experiencias de Herbón? Boas e malas. Quédome coa parte boa e coido que foi a mellor formación intelectual que puiden recibir. Visto dende hoxe, naquel momento Herbón podía competir con ventaxe con calquera outro centro académico educativo, público ou privado. Recordarei sempre a formación nas línguas clásicas ou as ciencias naturais. Frei Xoán Venegas facíanos aprender xénero, número e especie, ou a pedagoxía clásica de frei Serxio Álvarez, que facía equipas de voleibol con nomes gregos ou latinos. Eu era hoplita Carballo. Os que gañaban recibían unha coroa de loureiro que el mesmo collía na horta. Recordo Herbón con moita gratitude. A disciplina de Herbón, a súa distribución dos tempos, axudoume moito na miña vida e os frades déronnos o mellor que tiñan. Lembro a frei Pedro de Paz que todas as noites, sobre as tres da madrugada, iba habitación por habitación procurando se dormiamos, se estabamos tapados ou non... un coidado materno. Ou a mirada penetrante de Sanmartín, que non precisaba outra cousa para poñer orde, ou ao historiador frei Xosé Luis Soto, que agora está en Madrid... Pero tamén recordos moi gratos de todos os meus compañeiros de curso. Herbón sempre terá un curruncho moi querido no meu corazón.
̶ Santiago é como voltar á súa casa?
̶ Sempre estiven moi vencellado a Santiago. Aquí fixen a Filosofía e Teoloxía, fun superior nesta casa, tres anos de formador, cinco anos provincial e tamén fun oito anos profesor do Instituto Teolóxico... Son galego universal pero Santiago é unha das miñas cidades preferidas, a miña terra. E digo galego universal porque, en calidade de ministro xeral dos franciscanos, visitei tres veces o mundo enteiro, pois os franciscanos estamos presentes en 160 países. Son un emigrante, un itinerante franciscano.
̶ O novo Papa supón tamén novas ideas?
̶ O novo Papa é, por riba de todo, un pastor no senso bíblico e el é un pastor que cheira a ovella, coñece o pobo de Deus, as ovellas, e góstalle estar coa xente como o demostran as súas audiencias multitudinarias... É moi cedo para facer valoracións, pero estou seguro de que o que vaia a facer irá nesa línea.
̶ Hai unha crise global, crise económica, que tamén afecta á Igrexa...
̶ Certo, crise pero non económica senón de valores, crise humana, falla a fraternidade, o amor e solidariedade, valores todos eles franciscanos. O drama non é que non haxa recursos, o drama é que están en mans de só uns poucos. Esta é unha crise máis fonda, de valores, entre eles a familia, de maneira que esta crise non se resolverá só con cartos.
̶ Albisca un futuro esperanzador para a Orde Franciscana? Semella que vai de máis a menos...
̶ Véxoo ben, moi ben. Certamente, Europa está en crise porque non hai poboación e a que hai está envellecida, non hai natalidade e é normal que non haxa vocacións. Pola contra, temos moitas vocacións en Asia, África e América Latina. San Francisco non é moderno pero é moi actual e os seus valores son os que precisa a sociedade actual. Hai que voltar a Francisco e ao Evanxeo senón esta sociedade non ten arranxo posible.