Segundo o gardián do convento de Canedo, frei Henrique Roberto Lista, "na entrega dos Premios do Concello de Pontearea, pedíusenos unhas palabriñas a cada un dos premiados. No meu caso as ideas que quixen facer chegar a todos e a cada un dos cidadáns de Ponteareas, foron as de agradecemento e recoñecer tamén que os premiados primeiros eran as persoas que, dun xeito ou doutro, neste tempo ou en tempos pasados, tiñan nos frades de Canedo a expresión e a esperanza de acadar acollida ás súas ansias de trascendencia, de esa Paz que tanto se precisa cando non se ten. Tamén dixen que o recoñecemento era unha indicación que se nos facía para seguir ofrecendo o que foi razón e continuidade da presencia franciscana en Canedo".
Como bo frade, non podía faltar unha petición por parte de frei Henrique: foi a de que tiveran en conta a situación actual, onde está moi presente a falta de frades. "Estamos só tres, debido a que non hai vocacións. Pedimos que o Convento tería o mellor destino en conservar a finalidade para a que se levantou: ser unha fraternidade de vida evanxélica. O Convento deixaría de selo se se deriva cara fins culturais, hosteleiros, etc. A xente ten tanta ou máis necesidade de bens espirituais ca de conservar monumentos que perderon a finalidade que os puxo en pe", dixo o actual gardián do convento de Canedo-Ponteareas.
Á entrega deste recoñecemento oficial do Concello de Ponteareas asistiron, ademais de numerosos veciños, tamén frades e exalumnos de Canedo correspondentes a diferentes épocas.