• Inicio
  • Historia
  • Estatutos, contas e actas
  • Listados
  • Encontros
  • MULTIMEDIA
    • Fotos
    • Vídeos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces
  • Santo Antonio
Exalumnos do Seminario Franciscano de Herbón
Imagen

Medio cento de exalumnos arroupan en O Cebreiro a frei Roberto Freire

ImagenFrei Roberto Freire recibiu un agasallo de apoio e recoñecemento por parte de Roxelio González e Xoán Manuel Carpintero no decurso do xantar de irmandade dos exalumnos de Herbón











O Cebreiro (Lugo), 10 de novembro 2013 


Máis de medio cento de exalumnos renderon unha merecida homenaxe a frei Roberto Freire Hernando en O Cebreiro, o seu novo destino despois de moitos anos ao fronte de Herbón, onde os exalumnos sempre fumos acollidos co mesmo agarimo que tamén profesamos a este antigo centro de formación onde fumos educados.

O encontro de O Cebreiro (1.293 metros de altitude) comezou cunha misa oficiada por frei Roberto e frei Enrique Lista coa axuda de frei Xosé Quintela, quen ao remate fixo un percorrido pola historia do santuario, que acolle non só a lenda do Santo Grial de Galicia senón tamén os restos do afamado cura don Elías Valiña, o grande precursor nos anos sesenta do Camiño de Santiago e da rehabilitación do Camiño Francés e do núcleo de O Cebreiro. A misa foi cantada polo Coro de Exalumnos baixo a batuta de Manolo Rico e os sons armoniosos de Anxo Viro.

O xantar de irmandade celebrouse no primeiro andar do Mesón Carolo. O presidente da comisión organizadora dos Encontros, Xoán Manuel Carpintero, tivo palabras de alento, apoio, recoñecemento e gratitude a frei Roberto non só pola acollida fraterna con que sempre recibiu aos exalumnos senón tamén pola súa iniciativa truncada de alentar diferentes movementos sociais e humanitarios nos muros do convento padronés, polo que "desexamos que nun tempo non moi lonxano poida retornar á súa e nosa querida terra das ribeiras do Ulla", dixo Carpintero, quen lembrou "as dorosas circunstancias da súa última etapa en Herbón, das que, malia a todo, saíu coa súa integridade ben ergueita".

Roxelio González Escaleira, recente premio Esclavina de Prata, entregoulle a frei Roberto un agasallo de recordo co aplauso de respaldo e recoñecemento de todos os exalumnos, entre os que destacou a abondosa presenza dos procedentes da provincia de León e, nomeadamente, da veciña comarca do Bierzo.

Na reunión tamén se analizou o anteproxecto de novos estatutos da Asociación Socio-Cultural Amigos de San Francisco de Asís, artellados polo músico e lingüista Manolo Rico, así como tamén a iniciativa de frei Roberto Lista de viaxe-peregrinación a Asís do 10 ao 18 de maio do 2014 aproveitando a conmemoración dos 800 anos da viaxe de San Francisco a España e Galicia.

(Visita virtual a O Cebreiro)



(Fotos de recordo do encontro obtidas cunha máquina reflex Panasonic Lumix Mega OIS/28 mm.)

A contorna e a igrexa

O xantar de irmandade e a homenaxe


Imagen

Aviso Legal                                        Contacto                                         "Louvado sexas, meu Señor, polo irmán sol, a lúa e as estrelas"

Imagen